Legal
Bases da Porra do Abóbriga
As regras do xogo, os premios e que se fai cos teus datos. Ao entrar na porra por primeira vez aceptas estas bases.
01Quen a organiza
Organízaa Abóbriga Fútbol Club (Abóbriga F.C.), NIF G22647895, con domicilio en Calle Ventura Misa nº 29, bajo, 36300 Baiona (Pontevedra). Para calquera dúbida: contacto@abobriga.com.
Participar é gratis. Non fai falta mercar nada nin ser abonado.
02Quen pode participar
Calquera persoa cunha conta de Google e de 14 anos ou máis. Google non dá conta propia a menores desa idade en España, e un menor de 14 anos non pode consentir por si mesmo o tratamento dos seus datos (art. 7 da LOPDGDD).
Calquera pode xogar, sexa ou non abonado do club. Os premios, en cambio, son só para os abonados do Abóbriga na tempada 2026/27 (ver «Premios»). Ao entrar na porra acéptase esta norma de forma expresa, coa súa propia casiña.
Unha persoa, unha conta. Usar varias contas para repartir prognósticos está prohibido e supón a descualificación de todas elas.
03Como se xoga
- Para cada partido do Abóbriga que estea no calendario da web, pos o resultado que cres que vai haber.
- Podes cambialo tantas veces como queiras ata as 23:59 (hora peninsular española) do día anterior ao partido. Desde ese momento queda bloqueado e non se pode modificar.
- Os partidos sen data confirmada non se poden prognosticar ata que a teñan.
- Se un partido se apraza, o prazo móvese coa nova data. Se se suspende e non chega a ter resultado, non dá puntos.
- O resultado que conta é o oficial do partido, tal e como o publica o club nesta web.
- A porra empeza na xornada 9 de liga. Os partidos de xornadas anteriores non contan, aínda que se xoguen máis tarde por un aprazamento. Os de copa si contan.
04Puntuación e clasificación
- 3 puntos se acertas o resultado exacto.
- 1 punto se non acertas o resultado pero si quen gaña ou que hai empate.
- 0 puntos en calquera outro caso, ou se non prognosticaches ese partido.
A clasificación ordénase por puntos. A igualdade de puntos, vai diante quen teña máis resultados exactos; se seguen empatados, quen acertase máis MVPs; se seguen empatados, quen prognosticase máis partidos dos xa xogados e, por último, quen se apuntase antes á porra. Nunca hai dous participantes no mesmo posto. Xunto a cada nome pode saír a racha de acertos seguidos (unha chama, desde 2) e a insignia de abonado verificado (ver «Os teus datos»); ningunha das dúas cambia a orde. Quen aínda non fixo ningún prognóstico aparece ao final, sen posto nin puntos, ata que faga o primeiro. Actualízase soa en canto o club publica o resultado de cada partido.
Dende a clasificación, cada participante pode abrir o perfil dos demais: o seu historial de pronósticos —só de partidos xa pechados, é dicir, pasado o prazo ou con resultado— e estatísticas calculadas a partir del (porcentaxe de acerto, rachas, medallas conseguidas, evolución na clasificación xornada a xornada, mellor e peor partido e se adoita prognosticar por riba ou por debaixo do que pasa). Os pronósticos de partidos aínda abertos só os ves ti, para que ninguén poida copiar a ninguén.
Se un resultado se publicase por erro e despois se corrixise, os puntos recalcúlanse co resultado correcto.
05MVP da xornada
- Ademais do resultado, en cada partido podes votar quen cres que será o MVP da xornada. É opcional e ten o mesmo prazo que o resultado.
- Podes votar a calquera xogador da plantilla, porteiros incluídos.
- Se acertas o MVP sumas 2 puntos máis, acertes ou non o resultado.
- O MVP elíxeno o corpo técnico e o capitán do equipo, e o club publícao nesta web. Esa elección é a única que conta e non se pode reclamar.
- Se nun partido non se elixe MVP, ninguén suma por el. A igualdade de puntos e de resultados exactos, vai diante quen acertase máis MVPs.
06Premios
Hai premio para os tres primeiros da clasificación ao rematar a tempada: 1.º, un gran premio que o club anunciará proximamente; 2.º, unha cea para dúas persoas no Asador María Eugenia; 3.º, unha camiseta do equipo e unha bufanda.
- Só poden optar aos premios os abonados do Abóbriga na tempada 2026/27. Abonda con selo no momento da entrega, e compróbase en persoa co carné de abonado.
- Se algún dos tres primeiros non é abonado, o seu premio pasa ao seguinte clasificado que si o sexa, e así sucesivamente. A clasificación non cambia: o premio corre, o posto non.
- Recóllense en persoa, no campo ou onde indique o club, identificándose coa conta de Google gañadora.
- O club contactará cos gañadores polo correo da súa conta. Se un gañador non responde nin recolle o premio en 30 días, perde o dereito a el.
- Os premios non se poden cambiar por diñeiro.
- Se o gañador é menor de idade, recolle o premio acompañado do seu pai, nai ou titor/a legal.
07Xogo limpo
O club pode descualificar, sen dereito a premio, a quen use varias contas, se faga pasar por outra persoa, tente manipular a web ou o sistema de puntos, ou use un nome ofensivo. En casos menos graves, como un nome ou unha foto ofensivos, falsos ou doutra persoa, pode no seu lugar corrixir o nome ou ocultar a foto. Ante calquera situación non prevista nestas bases, decide o club.
08Os teus datos
| Que | Detalle |
|---|---|
| Datos | Nome completo, correo e foto de perfil da túa conta de Google (da foto, só o enderezo da imaxe), os teus prognósticos, a data en que aceptaches estas bases, a data e hora de cada vez que entras (gárdanse 90 días) e, se o club o comprobou, que es abonado. |
| Para que | Xestionar a túa participación, calcular os puntos, amosar a clasificación e entregar os premios, comprobando que quen os recibe é abonado; amosar a insignia aos abonados verificados, e moderar nomes e fotos inapropiados. |
| Quen ve o teu nome e a túa foto | Os demais participantes, na clasificación e no teu perfil, que só se ven coa sesión iniciada. O teu nome completo sae como figura na túa conta de Google, sen o que vaia entre parénteses ou comiñas (os alcumes), agás que o club o corrixise; ao seu carón, a túa foto de perfil de Google; se non tes, as túas iniciais. |
| Se non queres que saia a túa foto | Desactívaa co interruptor «Amosar a miña foto no ranking» do teu perfil: deixa de verse ao momento e no seu lugar saen as túas iniciais. Podes volver activala cando queiras. Tamén podes cambiala ou quitala na túa conta de Google, ou escribir a contacto@abobriga.com. Non afecta á túa participación nin aos premios. |
| Quen ve os teus pronósticos | Os demais participantes, no teu perfil, pero só os de partidos xa pechados, cos seus puntos e as estatísticas que saen deles. Os de partidos abertos só os ves ti; os demais só ven cantos tes feitos («Ao día», «2/3»), nunca o resultado. O club, desde o seu panel, ve que partidos abertos tes feitos, pero tampouco o resultado ata que se pecha o prazo. |
| Insignia de abonado | Se o club comproba que es abonado da tempada 2026/27, xunto ao teu nome sae unha insignia amarela de verificado. É só informativa: non cambia a clasificación, e non tela non che quita o dereito a premio, que se comproba en persoa ao entregalo. |
| Que pode facer o club | Ver o teu correo, a túa data de alta, cando entras e a túa actividade na porra para xestionala; marcarte como abonado verificado; corrixir un nome ou ocultar unha foto que sexan ofensivos, falsos ou doutra persoa (unha foto ocultada así non se pode volver activar desde o perfil), e dar de baixa contas duplicadas ou falsas. |
| Quen ve o teu correo | Só o club, para detectar contas duplicadas e avisar aos gañadores. Nunca se publica. |
| Base legal | A execución destas bases, que aceptas ao entrar (art. 6.1.b RXPD). A que se amose a túa foto podes oporte cando queiras (art. 21 RXPD), co interruptor do teu perfil. |
| Canto tempo | Ata que borres a túa conta ou, como moito, tres meses despois de rematar a tempada e entregar os premios. A copia reducida da túa foto que serve a web desaparece da súa memoria caché como moito 30 días despois. |
Podes borrar a túa conta cando queiras co botón «Borrar a miña conta» da porra: desaparecen ao instante a túa conta e todos os teus prognósticos. Para o resto de dereitos (acceso, rectificación, oposición…) e todo o detalle, consulta a política de privacidade ou escribe a contacto@abobriga.com.
09Cambios nestas bases
Se as bases cambian, publicarase aquí a nova versión e pediráseche que a aceptes a próxima vez que entres. Os puntos conseguidos ata entón mantéñense.
Última actualización: 2026-10-24
